Teatro Dona María de Lisboa por primeira vez en Galiza

Programa: 
Sonsdenós

O Concello de Santiago colabora tamén na realización destas funcións, que terán lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal da cidade. Foi precisamente este espazo escénico o que acolleu hoxe o acto de presentación das funcións, nun acto que contou coa participación de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; de Víctor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia; de Carlos Vargas, presidente do Consello de Administración do TNDM II; e de João Mota, director do espectáculo.

O Dona María, un dos centros teatrais máis emblemáticos da capital lusa, estréase así diante do público galego e faino cunha produción de gran formato sobre o autor clásico por antonomasia do teatro portugués, Gil Vicente, e da man de João Mota, un dos máis recoñecidos directores de escena na actualidade no país veciño.

Gil Vicente na horta é unha montaxe construída a partir de O Velho da horta e outros textos de Gil Vicente, autor clásico da lingua portuguesa e primeira figura literaria que fai a transición da Idade Media ao Renacemento. Nesta farsa, que foi presentada ao Infante Don Manuel no ano de 1512, exáltase a vitoria da xuventude fronte á vellez e á morte, ao tempo que o espectador asiste a unha intriga deseñada dun xeito moi enxeñoso e ao reencontro coa serie alegórica de personaxes vicentinas, coas súas cuestións metateatrais e co seu habitual tratamento sobre sátiras e costumes.

As entradas para asistir ás dúas funcións, que comezarán ás 21:00 horas, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas. Tamén están dispoñibles na venda electrónica a través da web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono  tele-entrada 902 434 443.