"Tengo una pregunta para usted" (TVE, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Ninguén será tan inxenuo de pensar que dun programa de televisión sairá algunha resposta máxica contra as estreiteces que veñen por diante, pero cabe concibir o espazo conducido por Lorenzo Milá como un xigantesco diván ibérico no que unha audiencia seleccionada como a dunha enquisa, con criterios demoscópicos, poderá chorar as súas penas en público e apelar ao sentimento de culpa dos gobernantes.

Os responsables do programa anuncian que escolleron con tan fino criterio ao batallón inquisidor que a xente que se sentará no plató será unha versión miniaturizada de España, con representatividade de todas as clases e condicións. Como gran novidade, agora o escenario será de 360 graos, de tal maneira que Zapatero non vai saber de onde lle choverán as preguntas.

Sabemos que case ninguén segue as sesións de control parlamentario que retransmite de cando en vez La 2, pero non hai dúbidas de que por millóns se sentarán esta noite diante da tele para seguir esta reválida popular do xefe do Executivo. Hai outra certeza: non tardará moito en saír a “coña marinera” do prezo do café que paga ZP, que desta volta ben faría en ter chapado o catálogo enteiro de prezos do Gadis. “Tengo una pregunta para usted” principia ás dez en TVE.