Touporroutou da lúa e do sol

Programa: 
Músicas e Letras

Durante este período, levarase a cabo unha intensa campaña escolar na que se insiren un total de 16 funcións matinais ás que asistirán alumnos de primaria e secundaria de centros escolares de toda Galicia. Ademais, terán lugar outras seis representacións para o público xeral, con pases os sábados e domingos ás 18.00 h. A proposta está recomendada para espectadores a partir dos seis anos de idade.

E que é “Touporroutou da lúa e do sol” na obra de Vidal Bolaño, cuxa produción se rescata durante este ano por ser protagonista do Día das Letras Galegas? Pois é unha reivindicación dos universos máxicos para os máis novos que se poden crear a partir dos propios referentes galegos.

A obra, que conta as peripecias dunha compañía ambulante de cómicos, repasa as lendas galegas da man de catro actores que interpretan un total de 22 personaxes e que ademais cantan, bailan e manexan títeres en escena. Esta é a única obra que Vidal Bolaño abordou dúas veces, unha con títeres e outra con actores, polo que está claro que lle tiña un especial aprezo. Do mesmo xeito, Manuel Guede, director do CDG, sinala que, malia a se considerar axeitada para os máis novos, a produción "ten múltiples lecturas e pode ser contemplada por todas a idades. O propio Roberto non falaba de teatro infantil senón de teatro familiar".