Yolanda Castaño: “Ponte-Poética reúne aos recitadores de maior nivel do Estado”

Programa: 
Músicas e Letras

Ponte-Poética está organizado polo Ateneo de Pontevedra e dirixido por Yolanda Castaño. Na xornada de hoxe os encargados de inaugurar o evento serán David Castillo, Román Raña e Ada Salas. Xa ás oito da tarde será a quenda de Miren Agur Meabe, Josep Pedrals e Manuel Forcadela.

Mañá sábado o festival muda de situación e trasládase ao Teatro Principal onde ás doce do mediodía se darán cita Leire Bilbao, Elena Medel, María Lado e Lucía Aldao. Ponte-Poética rematará ás seis da tarde cun recital final con todos os poetas participantes e a clausura do evento.

Yolanda Castaño comentou en Radiofusión que para configurar o cartel desta cita buscaron “a máxima diversidade ao máis alto nivel en canto a xénero (tantas mulleres coma homes), idade (veteranos e mozos) e de estilo”. Non obstante, a organización tamén buscou trazos comúns nos participantes como que a súa poesía fose de calidade e que gustasen da “palabra viva”, é dicir, do contacto directo co público.

Ponte-Poética é o primeiro festival destas características que se celebra en Galicia, un dos poucos do Estado. Por iso, Yolanda Castaño sempre quixo realizar un evento deste tipo e, finalmente, foi posible “grazas ao equipo do Ateneo: Xaime Toxo, Antón Sobral e Carlos Fontes”.

Unha cita que nace con vocación de continuidade e en palabras de Castaño, “co obxectivo de abrir fronteiras comezando polo veciño Portugal”.