Érase unha vez un raposo...

Programa: 
O ofício de escrever
Carvalho Calero e Martiño Montero nunha conferencia

Hai contos que son universais. As mil e unha noites, as Fábulas de Esopo, A Caixa de Pandora… Os Contos populares da provincia de Lugo están formulados a partir da realidade galega. Explica Martinho Montero Santalla que Ricardo Carvalho Calero fixo un estudo sobre os contos populares de animais escribindo que, se en Esopo as fábulas falan de leóns e elefantes, nós temos as mesmas fábulas pero con raposos, lobos e mesmo animais domésticos como o galo ou o can. Esa tendencia de asumir historias universais é unha especie de reformulación de contos que a xente xa coñecía e transmite de forma oral. En Contos populares da provincia de Lugo os relatos chegaron escritos por mestres que á súa vez recolléronos do alumnado e das súas familias.

Bernardino Graña, que chegou ao colexio Fingoy cunha bolsa de estudos que se outorgaba a mestres novos, foi o encargado de ordenalos baixo a dirección de Carvalho Calero. Na primeira edición de 1962 publicáronse 300 contos e na segunda edición 230 porque se eliminaron variantes do mesmo conto. “As variantes poden deberse a fallos de memoria ou a variantes creativas” explica Martinho Montero. Os primeiros recolléronse no curso 1950-1951 polo que o traballo empezou moito antes da publicación, cando se valorou que había un número suficiente para armar un libro.