ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu

O 22% da poboación total de Europa está na franxa de idade de 65 anos ou máis. Estamos a falar de máis de 99 millóns de persoas que sitúan ao noso continente entre os que contan cunha media de idade máis elevada.
O envellecemento da sociedade europea é hoxe un fenómeno imparable. Europa vive unha transformación demográfica sen precedentes. Cada vez vivimos máis anos e facémolo en mellores condicións que xeracións anteriores.
Pero este éxito colectivo expón tamén importantes desafíos relacionados coa saúde, a atención á dependencia, a participación social, a soidade non desexada ou a sustentabilidade dos sistemas de benestar. Porque vivir máis anos non é o único obxectivo. A gran cuestión é como conseguir que eses anos adicionais poidan vivirse con saúde, autonomía e oportunidades.
Hoxe en Conexión Europa imos reflexionar sobre este reto e sobre o papel que desempeñan as políticas europeas para construír sociedades máis inclusivas e preparadas para o cambio demográfico. E para axudarnos a entender mellor esta realidade contaremos hoxe cunha especialista en envellecemento, xerontoloxía e saúde das persoas maiores. Acompáñanos a doutora Rocío López López, profesora e investigadora da Universidade da Coruña. Con ela imos falar de envellecemento activo, idadismo, saúde, participación social e dos desafíos que expón unha Europa cada vez máis lonxeva.
Laura Navarro, coordinadora do proxecto Euterpe_ADN no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, preséntanos unha innovadora iniciativa que une a expertos de Galicia e Portugal para investigar, no marco do programa INTERREG – POCTEP, o uso da música como ferramenta terapéutica en enfermidades neuropsicomotoras e no proceso de envellecemento. Unha experiencia que une, de xeito sorprendente, a música coa xenética e a neuropsicoloxía.
As políticas europeas teñen un papel fundamental para promover contornas que favorezan unha vida máis longa, pero tamén máis saudable, participativa e plena. Porque unha sociedade que envellece non é necesariamente unha sociedade máis débil. Pode ser tamén unha sociedade máis experimentada, máis diversa e máis rica en coñecemento e en capacidades.
Unha produción de EMUGA, Emisoras Municipais Galegas, no marco do proxecto Conexión Europa, apoiado pola DG Regio da Comisión Europea.