Aproximacións a Manoel Antonio. Xosé Luís Axeitos

Programa: 
Club de lectura
Xosé Luís Axeitos en Radio Fene. Maio de 2021

“Xerou admiración entre os seus contemporáneos porque colocou á literatura galega á altura das máis avanzadas de Europa”.  Tras 1936 cae no esquecemento pero “nos anos cincuenta unha antoloxía preparada por Fernández del Riego recolle a obra de Manoel Antonio, algúns inéditos, e rapaces como Novoneyra, Ferrín, Manuel María, Franco Grande, Beiras e Bodaño recuperan a Manoel Antonio como un arma de liberdade, como un símbolo rompedor e de rebeldía”. 

En Manoel Antonio a cuestión textual é básica porque os vangardistas de toda Europa rebélanse contra certas convencións ortográficas.  Manoel Antonio utiliza a palabra terra con maiúscula e con minúscula. Aí non se equivoca ninguén. Un mariñeiro dí imos á terra, e todo o mundo o diferencia da Nosa Terra, con maiúscula.  Pero hai que estar tamén atentos e respectar cando o poeta escrebe con maiúscula ou con minúscula, o mar. En Manuel Antonio a patria é o Mar, pero o Mar con maiúscula. 
Nas “Aproximacións, ...” abórdase tamén a relación do escritor coa súa nai: “Unha muller ultra conservadora, católica, beata, castelán-falante e un fillo símbolo de rebeldía, nacionalista, que se expresa en galego, a aparente contradición está servida, pero as continuas cartas que o escritor envía á súa nai mentres navega revélanos datos obxectivos dunha relación estreita” apunta Axeitos.  En 1929 en Cádiz xa estaba enfermo moi grave e todo Rianxo o sabía, aínda que a nai entérase cando lle chega xa moi grave. Padecía tuberculose, unha doenza moi contaxiosa. Daquela era unha enfermidade social,  de illamento "e para comprender iso hai que coñecer o contexto".  O poeta era rompedor, tiña que facerse visible, era  un militante nacionalista. 
O libro de Axeitos achega unha mirada de novidade sobre a súa obra e indaga no senso interno da súa escrita. Trata de dar sentido aos símbolos que emprega o bardo. Manoel Antonio esixe a re-lectura porque os seus poemas ofrécense con amplas zonas de sombra. O libro presenta o achado de dous textos de xuventude inéditos: Nótulas e Senectud, divino tesoro. Falamos do libro Aproximacións a Manoel Antonio no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión. Participan na conversa Xosé Luís Axeitos, Pitusa Arias, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz.

Fotografía: Xan Xe Corral