Baixo as alas de abril. Xoaquín Fernández Leiceaga

Programa: 
Club de lectura
Clube de lectura de Radio Fene Radiofusión

Fotografía: Xan Xe Corral

O policia Miguel Santos -que xa apareceu no anterior libro do autor "Agosto de memoria e morte"- ten que investigar un grupo armado en Galicia. "Escribino no confinamento. Estaba pendente de sair un libro sobre economía e quixen cambiar de chip. Pero non escollín facer unha reportaxe literaria, só ficción para distanciarme dos feitos. Busquei o verosímil, pero non a verdade. Non construín unha semblanza de ninguén" confesa Leiceaga. 
Desde o principio hai transparencia na trama. A única intriga é se vai prevalecer a astucia, os coidados e a discreción do comando ou o labor policial. A literatura serve para pasalo ben e propicia reflexións acerca da condición humana. Vémonos uns a outros operando na sociedade, pero con certa distancia. "Construénos como sociedade" indica o autor de "Baixo as alas de abril". 
A novela de Xoaquín Fernández Leiceaga, publicada por Editorial Galaxia, aborda un triángulo con vértices no amor na violencia e na nación. As ilusións perdidas dunha xeración. O autor quixo afondar nas razóns que levaron a grupos independentistas galegos a apostar pola violencia nas décadas dos anos oitenta e noventa do século pasado. Pero intentou evitar un xuizo moral previo, unha distinción entre bós e malos.  Na cita de Cunqueiro que abre o libro (1) hai unha referencia ás ilusións perdidas e a mistura entre mocidade e sangue e diso vai tamén a novela. 

1
De quen fuximos? Quizaves, dime, a cinza
non rexeita a garrida mocidade e o sangue?
En abril e maio non hai cinza, dicen.
Fiquemos, amigo, sob das azas de abril.
Álvaro Cunqueiro