Casablanca e a súa conexión con Galicia

Programa: 
Sardiñas e xurelos

O cinema clásico e a retranca danse a man no programa «Sardiñas e xurelos», que nesta ocasión analiza a fondo unha das longametraxes máis importantes da historia do cinema: Casablanca (1942). O espazo debulla as curiosidades dunha rodaxe caótica que acabou por converterse en maxia pura, amais de revelar as conexións ocultas do filme coa xeografía e a historia de Galicia.

Galicia no mapa de fuxida do nazismo

Un dos detalles máis rechamantes que destaca o programa atópase xusto no inicio da película. No mapa que amosa as rutas de fuga que utilizaban as persoas que escapaban do nazismo ao comezo da Segunda Guerra Mundial, aparecen explicitamente representadas as cidades de Pontevedra e Ferrol. Esta inclusión contextualiza o papel estratéxico do litoral galego naquel momento histórico.

Unha rodaxe improvisada e chea de maxia

O guión de Casablanca foise escribindo día a día mentres se rodaba. Esta extrema improvisación provocou situacións insólitas. A actriz Ingrid Bergman non soubo de quen estaba namorada o seu personaxe ata o mesmo último día de gravación, un factor que, paradoxalmente, sumou misterio e realismo á súa interpretación de Ilsa.  A banda sonora, composta por Max Steiner, ten como tema principal a famosa canción de 1931 "As Time Goes By" («Mentres o tempo pasa»). Porén, o programa salienta o peso de La Marsellesa. A secuencia musical do himno francés enfrontándose aos cánticos nazis transcendeu a pantalla, converténdose nun dos actos de propaganda e resistencia cultural máis potentes da Segunda Guerra Mundial.

Por outra banda, o personaxe de Rick (Humphrey Bogart) aparenta ser un cínico neutral que afirma non xogarse o pescozo por ninguén. Con todo, un diálogo revela que en realidade combateu o fascismo en España defendendo a Segunda República.

Este feito provocou que o réxime franquista atrasase a súa estrea en España catro anos (ata 1946) e censurase a dobraxe para borrar calquera alusión ao seu pasado republicano. O público galego tivo que agardar ata o ano 2010 para poder gozar, por fin, da película dobrada na súa propia lingua grazas á Televisión de Galicia. Pero na actualidade a película en galego non se pode ver en ningunha plataforma dixital nen na web da TVG. En cambio sí se pode acceder ao audio en catalán e euskera.

O nacemento dunha gran amizade

O fío condutor emocional do filme é a evolución entre Rick e o capitán francés Louis Renault, interpretado maxistralmente polo británico Claude Rains. Ambos pasan de manter unha amizade fría, interesada e cínica a selar unha alianza pola liberdade e contra o nazismo.

Este arco culmina no clímax do aeroporto: tras matar Rick ao nazi Strasser para salvar a Ilsa e a Victor Laszlo, o capitán Renault decide protexelo e pronuncia unha das frases máis icónicas da historia do cinema: "Deteñan aos sospeitosos habituais".

Preme aquí para escoitar o episodio de "Sardiñas e xurelos" gravado na vinoteca O Gaiteiro (Laraxe - Cabanas) con Carlos Sardiña, Henrique Sanfiz e Antonio Tizón:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/060726SARDINA.mp3