Contrahistorias de Galicia. Antonio Reigosa con ilustracións de Rita Gutiérrez

Programa: 
Club de lectura
Clube de lectura de Radio Fene Radiofusión

O autor afirma que “hai moreas de relatos detrás de cada suceso ou personaxe histórico. Unhas veces non nolos contaron porque se descoñecen, outras porque non se consideran oportunos, as máis censurados por razóns morais ou prexuízos relixiosos. E, sobre todo, porque a historia oficial resulta ser case sempre respectuosa coas clases dominantes”. Fálase do casco de Leiro, un casco castrexo de ouro que hoxe é o obxecto máis relevante do Museo Arqueolóxico da Coruña. De 270 gramos e datado entre o 800 e o 1000 antes de Cristo. A quen o atopou intentaron cambiarllo por un cocho, segundo o escritor Antonio Reigosa. Fálase neste libro, entre outros homes e mulleres, de María Rodrigues, queimada viva en 1577 en Santiago de Compostela pola Inquisición. Tamén da tumba de Moore e o fantasma de Lady Hester Stanhope e do toureiro e paracaidista de Lugo “El Pinturero”. O único personaxe vivo, recollido nas Contrahistorias de Galicia, é un home de Mondoñedo: Manolo Montero converteuse no personaxe do Merlín de Cunqueiro. Vestíase de mago e na Praza da Catedral de Mondoñedo abriu o Museo do mago Merlín. 
Contrahistorias de Galicia, recolle 30 relatos sobre personaxes, obxectos ou mitos dos que non saen nos libros de historia, pero que configuran tamén unha sociedade. Non merecen caer no esquecemento. Falamos nesta xornada co seu autor Antonio Reigosa, no clube de lectura de Radio Fene Radiofusión.