In The Corner 05 de novembro de 2021

Programa: 
A Bancada

David Ferreiro está levando ao Sárdoma a cotas que o equipo das Relfas non lembraba desde había sete anos. Neste programa tivemos a oportunidade de conversar con el, que nos conte por que o seu equipo é un dos que fai un fútbol máis atractivo da categoría, as opcións de manexar un partido, con ou sen a posesión do coiro, o seu traballo de investigación futbolística, a importancia de analizar os datos e o traballo de estratexia, non só na fase final dunha xogada, a consideración que ten como técnico de culto no fútbol feminino galego e o rol da muller no desempeño da función de técnica, logo das bolsas que pretende sacar a Deputación de Pontevedra para mulleres que desenvolvan esa función nos distintos deportes.

Falamos tamén do Athletic B, próximo rival do Deportivo e o propio David Ferreiro fixo os prognósticos dos partidos nos que están mergullados os equipos galegos na Primeira Nacional. Mari Paz Vilas, polo seu hat-trick contra o Athletic, a primeira derrota de Deportivo, o Umia-Victoria de Santiago, desde as dúas perspectivas, o Deporyivo B, o Sárdoma e Lucía, a autora do primeiro gol do Villestro na actual Liga, foron protagonistas das curiosidades. No apartado autonómico, Bárbara Grandal presentou o pasado e o presente da Primeira e Segunda categoría, sinalando o acontecido no Orzán B-Perlío, na que as visitantes e o colexiado foron “plantados” polo conxunto aurinegro. Montse Mella, quen solicita xunto a outras tres compañeiras que o Amio lle dea a carta de liberdade, foi entrevistada na última parte do programa, poñendo sobre a mesa un problema que realmente transcende a un mero conflicto particular, senón que cuestiona a lexislación do fútbol afeccionado e de base, como mínimo, en canto a que podan ser asinadas licenzas que comprometan a un, ou unha, futbolista, por máis dun ano cunha entidade.