In The Corner 1 de outubro de 2021

Programa: 
A Bancada

Quique Rodríguez, presidente do Viajes Interrías, Eva López, a mellor goleadora galega no que levamos de campaña, e Miguel Vázquez, técnico da Escola de Fútbol Feminino do Deportivo Obrero, foron os protagonistas do programa. No primeiro dos casos, o máximo dirixente do cadro de Sanxenxo fixo unha valoración sobre a competición no grupo I de Primeira Nacional, centrouse nas posibilidades do seu equipo e nas necesidades de investir no fútbol feminino. Igualmente, analizou a importancia das galegas retornadas que máis chamaron a atención no mercado de verán, como Natalia de Francisco e Patricia Díaz, ademais do obxectivo do club nesta temporada, que afondou en novos horizontes coa creación da súa escola.

Eva falou do seu cambio de roles nas últimas dúas campañas, da súa evolución, desde que con catorce anos coñeceu a competición estatal no At. Arousana, e da importancia que tiveron nela os seus técnicos e varias compañeiras. Tamén engadiu por que agora, nunha posición netamente ofensiva, sente o fútbol con máis alegría. Para rematar, valorou as opcións do equipo cara o partido do sábado en Friol.

Miguel Vázquez, amparado na literatura científica, criticou a medida tomada hai dous anos pola RFGF de subir a trece a idade mínima para poder inscribir xogadoras na Segunda Autonómica. A carencia argumental esgrimida pola RFGF, amparándose na normativa na RFEF, deixou entrever aos oíntes que o fútbol masculino segue sendo o modelo para a implantación do feminino, sen ter en conta os factores biolóxicos que deben diferencialo para facelo máis pleno e en acordo coa propia muller e o seu desenvolvemento.

As curiosidades da xornada nomearon a Mari Paz (Betis), Anair (Espanyol) e Carlota (Oviedo Moderno), como galegas que marcaron goles decisivos para os seus equipos na pasada fin de semana, Ana Valles, que toma o ronsel de Miralles, para que case tres anos despois outra deportivista lidere unha táboa de guardarredes menos goleadas, o a segunda resolución consecutiva por penaltis para decidir un Vicotira da Coruña - Deportivo B nun amigable. Tamén foron obxecto de comentario os partidos de Deportivo e os nove galegos de Primeira Nacional na xornada desta fin de semana, nas súas respectivas categorías, e o sorteo da Copa de España.