In The Corner 14 maio 2021

Programa: 
A Bancada

A recta final das competicións estatais foi tratada no “In The Corner” desta semana. Crise nos equipos de elite do futfem galego? Cando Deportivo e Friol están próximos ao descenso, a situación presenta certos paralelismos co acontecido a finais dos oitenta. Esta posible debacle podería ser compensada co ascenso do Viajes Interrías ou do Victoria da Coruña, que contan con posibilidades para liderar o grupo I de Primeira Nacional, que as levaría directamente á eliminatoria de ascenso de xuño. Para iso entrevistamos a Cris Oreiro, técnica victorista que, logo da suspensión do último partido por un caso de covd-19, afronta toda a segunda volta comezando cun primeiro partido contra o líder, Oviedo Moderno B, que malia todo, non poderá subir por ter ao seu primeiro equipo na Segunda División. Logo das curiosidades da xornada, nas que repasamos a peor xeira histórica de derrotas como visitante do Deportivo, a goleada máis avultada da temporada que apañou o Friol, o corte na xeira negativa do Viajes Interrías, o camiño goleador na segunda fase da sardomista Paula Monteagudo, a falta de premio para os liderados de Friol B e Sárdoma B, e os equipos de Segunda Galega que non viron cartóns e, polo tanto, aspiran á oitava praza da fase de ascenso, entrevistamos a Anair Lomba, a xogadora guardesa do Espanyol, que se enfrontará ao Deportivo mañá en Abegondo.