In The Corner 22 de outubro de 2021

Programa: 
A Bancada

Malia que nesta fin de semana non hai fútbol de categoría estatal, o programa In The Corner tratou a actividade, a dos campos e a dos despachos, acontecida nos últimos días no futfem galego. Así, abordouse a destitución de Pere Tobaruela por parte de quen foi o seu segundo, Santi Viéitez, que renunciou a continuar exercendo o seu traballo no propio Villestro. Analizamos distintos aspectos do equipo e as súas dificultades, para rematar falando da nova etapa de Viéitez, en realidade de carácter paralelo, á fronte do Balaídos, de Segunda División Galega. Tati Barcia, do Deportivo B, foi unha das protagonistas da pasada xornada na Primeira Nacional polo seu gol nas Baloutas. A exterior branca e azul repetiu gol, como na pasada campaña, no campo do Mos, só que esta vez, a diana valeu para quebrar a xeira de invencibilidade das unionistas no seu campo, que duraba máis de dous anos. As curiosidades da semana falaron de Alejandra e o seu dobrete co Dépor ao AEM. A derrota citada do Mos, o remate da xeira de derrotas do Victoria da Coruña logo do duelo contra o homónimo santiagués, os dous partidos sen marcar do Friol e o Sárdoma, que iguala os seus dous mellores comezos de competición no fútbol estatal logo de seis xornadas. Bárbara Grandal fixo a súa análise do fútbol autonómico cos partidos de Primeira e a valoración xeral sobre a Segunda, que comeza nesta fin de semana con 66 equipos. O programa rematou cunha entrevista a Cristina Veiga, nai de Paula Rodríguez, que esta semana recibiron con satisfacción a sentencia da RFGF, na que se anulaba a licencia da xogadora co Friol. Desde o programa abordamos o caso e lemos partes importantes do razoamento dunha sentencia que deixa en moi mal lugar ao club presidido por Geluco Villar e libera á futbolista para fichar polo C.D. Lugo.