In The Corner 23 abril 2021

Programa: 
A Bancada

A décima tirada de In The Corner comezou falando da situación dos nosos equipos de categoría estatal, parándonos desta vez un pouquiño máis na situación do Friol. Aproveitando o tratamento ds equipos de Primeira Nacional contamos con Belén, a dianteira do At. Arousana, que nos falou desde Valencia dos seus comezos desde o fútbol sala ao Portosín, da Preferente Galega. Logo veu o seu primeiro ano en Vilagarcía e a súa primeira saída para un brillantísimo Villestro. Desa etapa, Belén recoñeceu a sorte que tivo cos técnicos que xestionaron o seu crecemento. Coa volta ao Arousana falou do equilibrio de anos que existe no conxunto da Lomba en canto ao emocional. A dianteira de Santiago recoñeceu que tiña claro que quería volver. Un ano despois, e grazas ao conxunto do Salnés e os seus contactos co Valencia, ábrenlle as portas de Paterna para que xogue alí “nun ano moi complicado no que non acabei de adaptarme nin ao equipo nin á categoría”. Tras esa experiencia, e mesmo vivindo ás beiras do Turia, á xogadora déronlle a posibilidade de facerlle ficha para que xogue outra vez con elas. “Saír a por todas, ir a polos tres puntos e esperar a ver que pasa dado que non depende de nós”, é a valoración que fai sobre a situación do seu equipo na Liga. En canto a que o cadro da capital do Salnés perdera a hexemonía histórica comarcal en beneficio do Viajes Interrías e Umia, sinalou que “nesta categoría hai moitos desequilibrios e hai equipos que poden fichar xogadoras baseándose en diñeiro, que é un hándicap bastante duro. Eu xogo porque me gusta e desfruto”.

No apartado das curiosidades da semana comentamos, precisamente, o hat-trick de Belén, a primeira vez que o Deportivo apaña nove goles, as estreas na máxima categoría das galegas de Tati e Muñi e a primeira titularidade de Carlota, a terceira vez que Sarita vai estar nunha semifinal da Copa de España e as novas xogadoras que marcaron os primeiros goles dos equipos estreantes no futfem galego. A parte final do contou con tres protagonistas para que nos comentaran a realidade dos tres grupos galegos de Primera Galega. Xoaquín Blanco, técnico do Lugo, no grupo A, Alejandra Paz “Alitas”, a experimentada xogadora do Aguiño, no grupo B, e Huguito Cestero, do Valladares B, no grupo C, representaron a voz desta categoría.