In The Corner 23 de maio de 2025

Programa: 
A Bancada

 O Sárdoma quedou ás portas do ascenso, as ligas baixan o pano e tamén as copas. Comeza o tempo das reflexións, Neste episodio contamos coas de Romina Dadín, logo desa primeira experiencia co At. Villalonga en Segunda Federación: “Vai ser inesquecible por ese debut na Segunda Federación e por ser unha temporada dura, de responsabilidade, de traballo, de asumilo dun momento para outro, sen tempo para pensar”.

En canto ao Sárdoma, Bego Aldao, a presidenta, fai un percorrido pola temporada: “Tal vez haxa algunha institución que non soubo valorar o traballo que vén facendo o Sárdoma no fútbol feminino”. Desde varios sectores do fútbol feminino pénsase o mesmo.

Para o remate, tivemos como convidado a Víctor González, técnico e director deportivo do Domaio. O conxunto moañés foi outra das revelacións da temporada culminada coa Copa Deputación de Pontevedra. Tivemos tempo de analizar o que vai ser a nova Primeira Galega e a nova Terceira Federación: “Vai a haber unha baixada de nivel. A xente ponse moi contenta con todas as decisións que están tomando coa opción de que nos regalen un ascenso (...) como cando a pandemia, que non houbo descensos (...) Logo chegarán os paus, que van chegar, e será tarde para queixarse”.