In The Corner 26 Febreiro 2021

Programa: 
A Bancada

O programa número 4 tivo no estudio a Bárbara Grandal para falar do que lle espera ao Deportivo en catro días importantísimos para o seu futuro, do triunfo do Friol en Pozuelo co hat-trick de Lucía Pardo, do primeiro gol de Laura Testa co Deportivo B e, sobre todo, no apartado de fútbol autonómico, da reunión mantida esta semana entre a RFGF e os clubs para reanudar as competicións autonómicas.

A segunda parte do programa estivo dedicada a tratar a situación gravísima que vive o fútbol galego, cun presidente que recibiu graves sancións penais. Para iso, Gustavo Falqué, unha das persoas que máis coñece os aspectos legais do fútbol, falou das posibilidades para que Louzán deixe o seu cargo, ademais de valorar a falta de acción de Lete Lasa, a diferenza do feito noutros casos, para forzar a súa saída, liberando ao fútbol galego desta pesada e inmerecida carga.

Na ultimísima parte do programa visitounos Andrea Carid, na actualidade no Alama. A xogadora galega falounos de como está vivindo esta etapa da súa vida: “A nivel de obxectivos, a temporada está sendo xenial. De feito, xa cumprimos o noso. A nivel equipo, ben a pesar de toda esta circunstancia da pandemia e, a nivel persoal, podía ser mellor, pero moi contenta de estar aquí.” O aspecto persoal estivo cargada de circunstancia pouco afortunadas, como recoñeceu: “Cheguei supercontenta (..) o meu transfer chegou tarde e vinme privada de poder xogar até o mes de xaneiro. (..,) En xaneiro comezo a xogar, pero xa a primeira xornada resultou frustrante xa que unha xogadora do Albacete deu positivo en covid. No seguinte, contra o Levante, por fin puiden xogar o meu primeiro partido, pero na seguinte tiven tan mala sorte que rompín a deda dun pé.” Andrea lembrounos tamén a súa estadía en Londres dúas temporadas: “Cando te vas a outro país hai xente que sabe ao que vai a aterse, pero outras veces vas un pouco á aventura. (...) Eu non falaba nada de inglés, tiña que acollerme ao que podía, atopei un MacDonald’s e comecei a traballar alí. Traballaba moitas horas nun horario un pouco feo e ao mesmo tempo o compaxinaba co fútbol en Watford, que por desgraza non era profesional e adestraba só dous días, tres, e compaxinaba un pouco. Non me gustaba traballar en MacDonald’s, ao contrario de facelo con nenos, ben como adestradora ou nun colexio. Atopei un colexio en Londres e, como o meu inglés mellorara, fixen unha entrevista para un colexio e me contrataron como profesora asistente para rapaces e adultos con autismo.” Andrea Carid, unha futbolista con moito percorrido.