In The Corner 26 marzo 2021

Programa: 
A Bancada

O sétimo capítulo de In The Corner contou con Antía Delgado, do Viajes Interrías. A xogadora ferrolá, asentada xa na Primeira Nacional, desvelou no programa as súas orixes no fútbol, os seus primeiros pasos no Galicia de Caranza o Portuarios e o seu posterior paso ao Orzán e o Deportivo B, paralelamente ás chamadas coas seleccións galegas sub’17 e sub’19, nas que recoñeceu o traballo feito por Edu González. Analizou tamén a actualidade da temporada que vén realizando o cadro de Sanxenxo tras acabar liderando o subgrupo I-A no remate da primeira fase da competición. Contounos o por que do seu alcume, Balo, e que os obxectivos do equipo están agora en xogar clasificarse para as eliminatorias de ascenso á Segunda División, sabendo que o rival a bater será o Oviedo Moderno B.

No programa de hoxe, Carlos Castro e Manel Díaz trataron a actualidade das ligas estatais, ademais de contar coa testemuña de Abrahám Yáñez, membro da comisión do fútbol feminino da RFGF e delegado da mesma para Ferrol, que expuxo a grandes trazos os novos formatos das competicións express para a 1ª e 2ª División Galega e a Liga Galega Infantil. O programa tamén foi visitado pola voz de Gabi Couñago, alma mater dun dos proxectos máis potentes, no aspecto deportivo, da 2ª División Galega: o Lóstrego CF. O novo club de Gondomar competirá coa mirada posta no ascenso, ademais de conformar unha escola de canteira, co claro obxectivo de formar xogadoras da casa para que, tal como explicou o propio Couñago. Finalmente, o programa fechou coa chiscada cultural na que Óscar Losada contou cousas do filme “Off-Side”, do director Jafar Panahi (Mianeh, Irán, 11 de xullo 1960), gañadora dun Oso de Prata no Festival de Berlín. O relato discorre sobre un grupo de rapazas que tentan ver un partido de clasificación para a Copa do Mundo, pero teñen a lei como obstáculo debido ao seu sexo.