In The Corner 27 de setembro de 2024

Programa: 
A Bancada

O programa 79 de In The Corner analizou a nova xornada para os equipos galegos de fútbol estatal con Santi Viéitez. O analista ve favorito ao Athletic diante do Deportivo e non ve tan claras as posibilidades de ascenso do At. Villalonga. En canto á Terceira Federación, falamos con Gabi Couñago, técnico do Lóstrego: “Se volvemos quedar cuartas valorarán moito máis o noso traballo”. O cadro de Gondomar vivirá este sábado o partido oficial número 100 da súa historia.

No fútbol autonómico, a protagonista foi a experimentada porteira do At. Arousana, Beli Sánchez: “Temos un bo vestiario e loitamos para ascender”. A xogadora está moi leda con esta nova etapa no cadro de Vilagarcía e espera que o equipo dea o mellor no partido da xornada que o seu equipo xogará en Boiro.

Por último, recuperamos a sección “Galegas na emigración”. Antía Mayo, do Sp. Gijón, inaugurouna. De cara ao partido copeiro da próxima semana, contra o Deportivo, manifestou un desexo: “Oxalá marque un gol como contra o Oviedo”. A ex futbolista do Victoria de Santiago marcou o que será un dos mellores goles da temporada no derbi contra o Oviedo, celebrado na primeira eliminatoria do torneo do KO.

O programa sumouse aos parabéns a Radio Fene, que hoxe celebra o seu 40º aniversario.