A educación emocional e a ansiedade

Programa: 
Vilanova
Colexio Os Casais de Maniños

A educación emocional debe ser cada vez máis importante. “Calquera de nós conviviu no último ano con situacións de ansiedade que non son desexabeis” afirma o psicólogo José Barcia no espazo Vilanova de Radio Fene. Hai que ter en conta que a ansiedade é unha resposta do noso organismo diante dunha situación xeral ou por un motivo concreto.

Vivimos nunha cultura que auspicia o benestar. Sabemos o que hai que comer, cantos minutos convén practicar deporte e pasamos horas buscando a calma para vivir mellor, pero temos un talón de Aquiles: a ansiedade. Segundo a OMS, ao redor de 260 millóns de persoas no mundo sufriron trastornos asociados a esta emoción durante 2017. O Consello Xeral de Psicoloxía de España estima que nove de cada 10 españois padeceron tensións e ansiedade ese mesmo ano. Con todo, a ansiedade é un mecanismo natural de protección, un sistema psicolóxico de alerta que anticipa posibles ameazas co fin de evitarnos futuros problemas. É un estado de inquietude, que supón medo e tensión á vez, cando o perigo non está presente. É só unha idea que xorde na mente e suscita a tensión necesaria para resolver o que preocupa antes de que sexa demasiado tarde. Ás veces, temos unha ansiedade xeral que non vai asociada a ningunha situación concreta.