Europa, cooperación sen fronteiras

Programa: 
Conexión Europa

Desde hai máis de trinta anos, a Unión Europea impulsa programas de cooperación territorial que permiten a rexións, municipios, universidades, empresas e organizacións traballar conxuntamente para atopar solucións compartidas.

É o que coñecemos como Interreg, un dos instrumentos máis emblemáticos da política de cohesión europea. A través destes programas, miles de proxectos contribuíron a fortalecer a colaboración entre territorios, xerar coñecemento, mellorar infraestruturas e crear novas oportunidades de desenvolvemento económico e social.

Para coñecer mellor o seu funcionamento e cales son os principais retos e oportunidades da cooperación transfronteiriza europea, o noso compañeiro de Emisoras Municipais de Andalucía, Guillermo Buteau ten conversado con Elena de Miguel, directora do Programa Interreg España-Portugal, POCTEP.

Contaremos coa presenza de tres investigadores do CITENI, o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña que nos presentarán VALLE – H2GAP. Manuel Romero Gómez, Marcos Míguez González e José Manuel Amado Paz achegannos este proxecto cuxo obxectivo final  é deseñar e desenvolver unha estratexia compartida para un val de Hidróxeno na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, dinamizando o ecosistema transfronteirizo en toda a cadea de valor: desde a produción e distribución até os usos finais do hidróxeno renovable.

Cohesión territorial, gobernanza, cooperación entre rexións e investigación son conceptos intimamente ligados á intervención de Europa nos nosos territorios.