Illados. Diario dunha pandemia de María López Sández e Miguel Muñiz

Programa: 
Club de lectura

O libro inclúe unha serie de ensaios realizados por María López Sández que sirven de presentación a cada un dos capítulos do libro que agrupan as fotografías de Miguel Muñiz. Baixo o título de distintas emocións que dan sentido ás imaxes, percorremos os nosos propios sentimentos ao longo desta primavera de 2020.

Hai dúas pasaxes de corte máis persoal, como son a dos camioneiros e a do circo. Dous mundos sen nada que ver pero que durante o confinamento viviron situacións moi especiais. Os membros do circo que aparecen en Illados quedaron confinados en Lalín pero non pararon de adestrar. María López Sández menciona a fotografía que se inclúe no libro, onde podemos ver a carpa do circo cun cartaz de agradecemento aos veciños de Lalín polo seu apoio. O capítulo adicado aos camioneiros é moito máis persoal, xa que tanto a autora como o fotógrafo teñen vínculos familiares con este sector. 

En moitas das imaxes prodúcese unha saturación estética, un efecto moi presente tamén nas obras artísticas doutros periodos da historia afectados por pandemias. María menciona a Bocaccio e a súa introdución do Decamerón, onde describe os efectos da peste negra. Sinala a autora que ningún outro texto histórico fixo tan ben esta labor.

A escritora quixo realizar tamén unha defensa da terceira idade, sinalando que foi o sector máis afectado pola pandemia. Aseguraba que esta etapa serviranos para repensar como sociedade o xeito en que coidamos aos nosos maiores.

Formaron parte do clube de lectura: Maite Martínez, Henrique Sanfiz e Carlos Aguado.