Irmandiñas. Aurora Marco

Programa: 
Club de lectura

O libro “Irmandiñas” de Aurora Marco descúbrenos unha cantidade enorme de mulleres que traballaron a prol do da República e do galeguismo. O seu libro abarca o período de 1916 cando nacen as Irmandades da fala e remata en 1936 cando o golpe militar arrasa con todo. Irmandiñas recolle a traxectoria e contributo de moitas mulleres que achegaron o seu saber e o seu traballo á defensa do noso país, ao asentamento da República e á consecución do Estatuto de Autonomía, desde diferentes ámbitos como a investigación, o teatro, o ensino ou a música.

“Foron catro anos de pescudas en arquivos, hemerotecas e recollendo fontes orais para demostrar que na acción social, cultural e política tamén estaban as mulleres, cubertas por un manto tan opaco que non se deixaban ver” afirma Aurora Marco. Marco atopou descendentes desatas mulleres, fillas e netas que cederon con gusto moitos documentos. O libro divídese en 14 capítulos, a maioría de carácter colectivo pero tamén con biografías máis detidas como as de Mercedes Bieito Bouza de As Somozas ou Mª Luz Morales que, segundo a autora “deberan estar nos anais da historia con letras de ouro” .

Ás militantes do PG dedícalles un extenso capítulo. Abarca a 27 mulleres de diferentes procedencias; desde as labregas de Asados ata as universitarias e membros do Seminario de Estudos Galego, pasando por modistas, mestras, deportistas ou empresarias. Chama especialmente a atención Miss Galicia que logo foi Miss España, Emilia Docet, que lucía a insignia do PG na solapa. Un capítulo especial merecen no libro de Aurora Marco as mulleres que conformaron os coros e os elencos teatrais, como o Toxos e Froles de Ferrol ou a Asociación de Amigos da paisaxe galega do Seixo (entre 25 e 30 mulleres que facían de todo, escenografía, teatro, biblioteca, pintura, música…)

Capítulo especial merecen, respectivamente, a cantante Rita Cordal e a actriz e tradutora Teruca Bouza. Esta última xa se citaba no seu libro “As precursoras” pero aquí atopou máis documentos grazas a contactar coa irmá de Teruca, Fani, que vivía en Nova York. “O labor dos Coros foi fundamental para a propaganda do galeguismo” defende Marco. Opina Martinho Montero de “Irmandiñas” que é un libro moi traballado que se le como unha novela. E di de Aurora Marco que é unha profesora excelente, que é un pracer escoitala e lela”.

(Foto Xan Xé Corral. Fene 7-4-2021)