Lenda Ártabra – Noites de Lenda (2015) (14,01)

Programa: 
Rumboia

O grupo folc "Lenda Ártabra" naceu na cidade de Ferrol a finais do ano 2013. Músicos que chegaban doutras formacións decidiron iniciar un novo proxecto que marcara a diferenza coas outras bandas da cidade.

Un coidado especial na composición e na recollida das letras das cancións, unhas liñas melódicas marcadas polos sons tradicionais e unha mestura de estilos fan que o repertorio musical de Lenda Ártabra nos inicie nunha viaxe dende o eiro tradicional ata os novos ritmos.

O grupo ferrolán Lenda Ártabra aposta por un espectáculo completo que represente a riqueza cultural que ten Galiza.  O grupo folc ten unha posta en escena moi coidada e sempre que  é posible vai acompañado dun grupo de cantareiras que lle imprime aos directos de Lenda Ártabra un carácter tradicional.

Apostan por unha dobre vía que é coidar o que xa se ten pero tamén aportar material novo creando letras e melodías. Xotas, muiñeiras, pasacorredoiras, polcas, marchas ou maneos son algúns dos ritmos que se poden distinguir no repertorio de Lenda Ártabra.