Movendo os marcos do patriarcado. Marilar Aleixandre e María López Sández

Programa: 
Club de lectura
Marilar Aleixandre e María López Sández en Radio Fene

Marilar Aleixandre e María López Sandez, no seu libro “Movendo os marcos do patriarcado” reivindican o carácter pioneiro da obra de Pardo Bazán.  Gustáballe a gastronomía e ela prologa o libro de cociña de Picadillo, segundo apunta Marilar Aleixandre. 
Pardo Bazán defende que as mulleres deben ter os mesmos dereitos que os homes. Pero ademais tamén deben ter iguais deberes en relación co coidado do fogar, das crianzas, das persoas maiores e das enfermas. Segue habendo unha idea social, asumida por moitas mulleres, de que as mulleres teñen máis deberes que os homes.  Defendía a coeducación. Afirmaba:  “Non poden os homes imaxinar o complexo que é para unha muller, obter unha formación autodidacta” segundo lembra María López Sández.
O atrevemento, a autenticidade é unha característica do modo de pensar e de actuar de Pardo Bazán. A ela préstalle a moda e vive iso con naturalidade. Gustáballe moito o Entroido e non era unha persoa conciliadora. A súa vida e obra levan un gran hedonismo. As tres irmás Bronte comezan a publicar só coa inicial do nome pero finalmente desvelan a súa identidade. No contexto do século XIX houbo moito uso de pseudónimos masculinos para favorecer a publicación. 
A muller que se da ínfulas de intelectual sempre foi especialmente atacada polo patriarcado. Por iso a Pardo Bazán, a pesar dos seus méritos, non lle permiten entrar na Real Academia de la Lengua Española. Vetándoa a ela estaban obstaculizando os avances das mulleres no espazo intelectual. O seu protagonismo cultural era un xesto que abría camiño. 
Marilar Aleixandre e María López Sández explican como Emilia Pardo Bazán contribuíu, a “mover os marcos do patriarcado”, para, “alén de denunciar a violencia contra as mulleres, dar nome aos mullericidios”. Pardo Bazán tamén denuncia a “violencia simbólica”, fronte á que exixe “a fin das discriminacións que impedían ás mulleres estudar e exercer traballos remunerados”. A firma de Emilia Pardo Bazán apareceu en prensa ao longo de cincuenta e seis anos e en preto dun cento de publicacións periódicas. A sinceridade foi sempre unha das súas maiores cualidades. Afirmou :”Teño o valor das miñas conviccións e como o penso o digo”.

 

 

Fotografía: Xan Xe Corral