ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Tres mulleres galegas de armas tomar. Maria Balteira, María Castaña, Maria Soliña. Unha obra de Guillermina Dominguez e Felicia Estevez, editada por Baía. Pretende "reivindicar" as vidas das tres Marías que a protagonizan, as súas "fazañas e movementos", que "fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir o camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito", segundo salientan as autoras na introdución deste ensaio.
Guillermina Domínguez, historiadora e profesora, e Felicia Estévez, filóloga e tamén docente, empregan como fontes, ademais de bibliografía, documentos históricos que consultan en arquivos ou cantigas medievais, entre outras. Segundo elas mesmas contan, a súa idea non era facer unha profunda investigación, senón só "transmitir o pulo que mulleres coma elas lle deron á mesma historia, o que loitaron, o que sufriron" por ser mulleres.
A obra, estruturada en tres partes, comeza cada unha delas cunha reflexión sobre a vida das mulleres no tempo que a cada unha das protagonistas lles tocou vivir: o século XIII para María Balteira, o XIV para María Castaña e o o paso do XVI ao XVII para María Soliña.
As autoras contrastan a interpretación que as fontes ofrecen sobre as tres Marías coa súa propia, tendente a desbotar os mitos que a ideoloxía patriarcal puido crear sobre as tres protagonistas.
Ben é verdade que sen ‘’mulleres de armas tomar’’, moitas de nós non teriamos chegado a medrar nas condicións en que o fixemos e o noso vagar tería sido moito máis penoso. En aras de poder facer unha pequena homenaxe ás mulleres en xeral e a estas en particular polas súas circunstancias máis coñecidas popularmente, foi polo que nos decidimos a emprender tamaña empresa, nada doada, por certo. Nada doada, porque as eruditas e os eruditos practicamente o dixeron todo destas tres mulleres e tampouco se pretendía nin pretende atopar incunábeis que se refiran a elas, nin facer unha profunda investigación, só transmitir o pulo que mulleres como elas lle deron á mesma historia, o que loitaron, o que sufriron e só polo simple feito de pertencer a un xénero que non era o protagonista da historia nos momentos que lles tocou vivir. Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes. Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.