Nus. Manuel Gago

Programa: 
Club de lectura
Clube de lectura de Radio Fene Radiofusión

A novela publicada por Xerais (2021) provoca sorrisos e incluso gargalladas limpas. Aparecen compartindo un xantar Cunqueiro e Castroviejo e mesturase na trama a gastronomía e o sexo. “O amor celébrase mellor cando a comida é feliz e abundante. (…) O sexo continua tras o pracer de xantar, como unha segunda sobremesa” afirma o narrador, Toño Figueroa, descendente da última aristocracia do pais. Manuel Gago contou en Radio Fene unha anécdota relacionada co nudismo. Pasoulle a Pio Cabanillas e a Manuel Fraga na zona do Salnés. 

Toño Figueroa é un crápula, cínico e desvergonzado, pero pouco a pouco vai xerando empatía coa persoa lectora. Hai ademais dúas personaxes en “Nus” que xa apareceran na súa novela anterior “O anxo negro". 

O coirismo era unha loita deliciosamente epidérmica afirmase na novela escrita polo profesor de Comunicación da Universidade de Santiago que xa ten publicado os libros de ficción Vento e chuvia (2013), O anxo negro (2016) e O exército de fume (2018). Mantén o blog Capítulo Cero www.capitulocero.org

A Manuel Gago interésalle a gastronomía, a arqueoloxía, o sexo e aspectos da historia contemporánea de Galicia. Interésanlle cousas moi diferentes. 

“Mirádevos, facédeme o favor. Nas mozas aínda ben, aí tedes a Lola, con eses xenerosos peitos de Venus prehistórica, e a Carmiña, toda ela fecundas cadeiras de egua árabe! Pero que hai de fermoso no corpo dun home coma nós, que non é máis ca unha acumulación de residuos de lacón con grelos e de ribeiro tinto! O último home merecente de amosar as vergoñas foi o David de Michelangelo!"

O escritor Manuel Gago e o narrador Toño Figueroa rinse de si mesmos con párrafos como este na novela “Nus”. 

Fotografía: Xan Xe Corral