O territorio importa

Programa: 
Conexión Europa

A Unión Europea leva anos impulsando unha visión integrada do desenvolvemento urbano e territorial. Son as chamadas estratexias integradas de desenvolvemento, un dos alicerces da política de cohesión europea actual. 

Unha forma de entender as cidades que busca coordinar distintas políticas e administracións para responder de maneira conxunta a desafíos complexos como o cambio climático, a desigualdade social, a vivenda ou o envellecemento da poboación.

Disto imos falar neste programa de Conexión Europa no que debullaremos o significado destes conceptos e como poden transformar a vida cotiá das persoas.

Para axudarnos a entender esta forma de planificar cidades e territorios contamos cunha especialista que leva décadas investigando sobre arquitectura, urbanismo e espazo público, falaremos con María Carreiro Otero, arquitecta, doutora pola Universidade da Coruña e profesora contratada doutora na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.

Con ela imos falar de participación cidadá, planificación urbana, sustentabilidade, desigualdade territorial e do papel que desempeñan as cidades nos grandes retos europeos do século XXI.

Beti Rey, a nosa compañeira directora de Radio Tui, achéganos, nesta entrevista con Enrique Cabaleiro – alcalde de Tui e Marta Valcárcel – alcaldesa de Salvaterra do Miño, o proxecto “Tui – Salvaterra, cultura compartida”. Un proxecto que pon en valor o patrimonio cultural, a mellora do espazo público, a mobilidade sostible e a dinamización social e económica arredor do río Miño, reforzando os vínculos históricos e culturais entre ambos concellos e consolidando un modelo de desenvolvemento baseado na cooperación territorial. 

Descubre como Europa tamén aporta na cohesión territorial.