O teu sangue vale por tres

Programa: 
Informativos de Radio Fene

A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase esta semana a Fene por partida doble. Permanecerá diante do centro de saúde o venres 31 de xaneiro de 15,30 a 21 horas e o sábado 1 de febreiro de 10 a 15 horas. Nesta liña, dende o Concello, anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón. A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos. Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.

A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e mesmo salvar a súa vida. Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA). Antes da doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos.