A poesía flípame

Programa: 
Club de lectura
Club de lectura de Radiofusión en Radio Culleredo

Hai beleza, emoción e verdade no libro de Lucía Aldao “Todo isto antes era noite”. “A poesía flípame” confesa a escritora que presenta o seu primeiro volume, despois de máis de vinte anos adicandose á poesía oral e a música. “Crieime no Bar de Juan, na rúa da Independencia, un auténtico espazo de liberdade” salienta antes de explicar a orixe do título do poemario: “Comendo un día con Xabier Cordal él díxome que nos empezábamos a facer maiores, cando dicimos: Todo isto antes era campo, e inmediatamente saltou a faísca do título do libro”.

A seriedade molesta cando se prolonga máis de trinta segundos, afirma Lucía: “Como lectora agradezo as pingas de humor que teñen un compoñente lírico pero que nos moven da seriedade do poema”.

Sorna, retranca, rexouba, trasacordo e retrónica son as grandes variantes do humor galego, segundo o debuxante Xosé Lois González “O Carrabouxo”. Lucía Aldao práctica todas elas nos seus versos: “Droga por nós”, "Foi ben máis fácil chegar a ti que a este poema",  "que sabes os nomes dos mares que lindan con este poema",  "Mira, esa nube ten forma de poema que remata",  "Ollos verdes son traidores. Ponte ó rejo.", "Non é que che falte un verán, é que che sobra.", "si alguna vez amé, si algún día después de amar amé,/ foi nun after.", "Montáchela parda", "O poema empezou hai moito tempo./ Eu levaba o puño no corazón...", "O poema era un vestido baixo a pel…"  

Todo isto era noite, de Lucía Aldao. Poesía limpa, coidada, que flúe tan natural e iso non é senón sinal do traballada que está, tan honesta e verdadeira, é un regalo para @s amantes do xénero poético, segundo afirma Xosé Manuel Eyré no seu blog ferradura.