Residuos intolerables para o planeta

Programa: 
Onda ODS

O lixo mariño está a xerar unhas cantidades intolerables de residuos para o noso planeta. “As consecuencias deste problema son enormes tanto para poboación do mar como da terra”, afirma Laura Calvo, educadora do Programa de Educación, Capacitación, Divulgación e Participación Ambiental para unha transición ecolóxica desenvolvido polo CEIDA, en Onda ODS. “Hai moito lixo que chega polo váter. Aínda a día de hoxe seguimos tirando polo inodoro cousas que non debemos e que rematan no mar. Nós dicimos que polo váter só se deben tirar tres cousas que empezan por ‘p’: papel, pipí e ‘popó’”. Estamos ante un momento de crise ambiental sen precedentes, na que a emerxencia climática, cada vez máis visible a través de eventos meteorolóxicos extremos, o acelerado ritmo de perda da biodiversidade a nivel mundial e a contaminación mariña son, se cadra, fenómenos que non podemos obviar. “Xa ninguén pode dicir que non existe. Vese por todas partes”, conclúe Laura Calvo dende o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.