RUMBOIA 168: Emilio Corral - Airiños da Gaita – 1973 (11.33)

Programa: 
Rumboia

Emilio Corral Vázquez, foi músico, gaiteiro e clarinetista, e toda unha institución no mundo do folclore e da música galega en xeral. Formou parte de agrupacións tan míticas e heteroxéneas como Cántigas da Terra, Aturuxo, Follas Novas, El Eco, orquestras como Los Tamara, Los Satélites ou da Banda Municipal da Coruña, entre outras moitas. Foi un dos primeiros gaiteiros con formación musical, o que lle permitiu usar partituras nunha época na que a gaita apenas se consideraba un instrumento.

Emilio Corral foi gañador de numerosos premios como os do Festival de LLangollen (no Reino Unido), o Festival de Gisors (Normandía). No 1964 recibe o título de Gaiteiro Maior do Reino de Galiza outorgado pola Real Academia Galega, e posteriormente recibe a Medalla Marcial del Adalid, e a  insignia  e o certificado da "Gaita de Ouro" polo Ateneo Ferrolán. Sen dúbida un gran palmarés e unha magnífica traxectoria que fixo que fose recoñecido por moitos gaiteiros posteriores a el.

Emilio Corral gravou numerosos discos con distintas agrupacións ás que pertenceu, e como gaiteiro solista ten dous importantes  traballos, o primeiro deles, Airiños da Gaita,un traballo no que estivo acompañado ao tambor por José Fraguela, e que foi  gravado no ano 1973. Posteriormente, no ano 1977 publicou un novo disco que levou por título Como Canta a miña Gaitiña.