Rumboia 170 – A Requinta da Laxeira – Maise -2013(13.16)

Programa: 
Rumboia

A Requinta da Laxeira é un grupo de música tradicional dedicado á recuperación da requinta, un instrumento característico da zona da Ulla. A Asociación Cultural San Campio de San Miguel de Sarandón (Vedra) é o berce e acubillo deste grupo que comezou a súa andaina alá polo ano 2004.

Parte do seu repertorio componse de “música de requinta” (recollida a vellos requinteiros); e tamén engaden outras pezas adaptadas ó máis puro estilo 'laxeiro', onde incorporan voces.

Os da Requinta da Laxeira son festeiros, tocan, bailan e cantan, contan cun repertorio popular moi coñecido e nos concertos son capaces de baixar do escenario e facer bailar ata ao pau dunha escoba.

A Requinta da Laxeira ten dous traballos discográficos no mercado, “Vai de baranda” foi o primeiro disco desta formación lanzado no ano 2010. Posteriormente, o segundo disco, “Maise”, saíu ao mercado no ano 2013 e conta con 14 cancións aderezadas co máis puro estilo laxeiro, gravadas e mesturadas no estudio Phonos (A Estrada).