Rumboia 196 – TOR – “TOR” (2020) (13.17)

Programa: 
Rumboia

Un repertorio a base de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior é a tarxeta de presentación da banda ourensá TOR, un proxecto longamente madurado que viu a luz no ano 2018.

Esta banda está formada por Felix Castro, encargado dos sons da concertina, acordeón diatónico e gaitas, Castor Castro nas frautas e buzuqui, Álvaro Iglesias no contrabaixo e Xosé Liz nas cordas do Buzuqui, guitarra e mandolina. Eles forman o cuarteto TOR, que para a grabación do seu primeiro traballo discográfico, contou coas colaboracións de Pancho Álvarez ao violino, e Ángel Ruiz, ao Banjo. No seu espectáculo participan tamén en innumerables ocasións Soco Rúa á pandeireta e de Lucía e David como parella de baile.

A principal fonte da que bebe TOR é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas pouco coñecidas como A Limia, Frieiras, e Navia entre outras. 

Esta banda ven de sacar o seu 1º traballo discográfico, de nome homónimo, TOR, no que nos ofrecen once temas con orixes en moi diversos puntos da xeografía.

Xunto coa liña melódica guiada principalmente por instrumentos da tradición galega como a gaita, a frauta de madeira, ou o acordeón diatónico, e outros máis atípicos como a anglo concertina, a parte harmónica de TOR, complétana o bouzouqui e o contrabaixo, conformando un son acústico, reelaborado dun xeito concordante cos traballos que se fan hoxendía no folk atlántico europeo. Sets de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, sucédense con outros temas máis pausados como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, tan propias do sur ourensán.