Rumboia 200 – Noitarega – Noitarega (1993) (12.55)

Programa: 
Rumboia

Falar de Noitarega non é falar dun grupo novo, é falar dunha banda lendaria dentro do panorama da música tradicional galega que soubo gañarse a pulso o respecto e cariño do público.

Pasou xa moito tempo dende aquel ano 1989 no que Xosé Oliveira, Fernando Costas, Xosé María Gutiérrez e Manuel Alonso fundaron o grupo e na gravación do seu primeiro disco, “Noitarega”, contaban xa con Xaime Rivas de compoñente. Ao longo destes anos Noitarega foi colleitando numerosos premios, e ofrecendo innumerables actuacións tanto por toda a xeografía galega e española, coma en Francia , Portugal, ou mesmo nos Estados Unidos, e consolidándose así como un dos maiores expoñentes da música tradicional galega e como un embaixador da cultura galega por todo o mundo.

Musicalmente falando, tanto os concertos como os traballos discográficos do grupo veñen ser un fito no que respecta a unha nova interpretación da música tradicional galega, xuntando o sabor do tradicional con novas e rechamantes opcións instrumentais e interpretativas, todo isto conseguido cunha base instrumental netamente autóctona (gaita, zanfona, tamboril, bombo, pito pastoril, requinta, tarrañolas, culleres, pandeireta, ferriño, pandeiro, etc) e realizando uns arranxos totalmente anovadores, como a combinación de gaitas en diferentes tons, zanfona con pito e requinta ou misturas de diferentes aparellos percusivos.