Rumboia 201 – Virandeira Folk – Sons do Atlántico (2012)(11.44)

Programa: 
Sonsdenós

Na primavera do ano 2010, botaba a andar no barrio vigués de Zamáns un proxecto musical con sabor galego: Virandeira folk. Unha banda de folk fusión que aposta pola mistura de xéneros, estilos e sons. Unha visión da música que foxe do contemporizador na procura do ecléctico, filosofía que é aceno de identidade do grupo e que xorde directamente da variedade de influencias musicais dos seus propios compoñentes.

A banda viguesa tivo o seu debut discográfico no 2012 con "Sons do Atlántico" e no 2015 Virandeira Folk proseguiu a súa andadura polo panorama musical galego co seu segundo disco, "Metamorfose". Virandeira folk sempre apostou pola mestura de xéneros, estilos e sons.

Na traxectoria de Virandeira, un grupo que se caracterizou dende os seus primeiros pasos pola vontade de evolucionar, de abrazar sempre o cambio na procura de novas cotas, o son acústico coñeceu ao eléctrico, a sonoridade da nosa terra ás influenzas da música celta e o rock, a gaita e a frauta á guitarra e o baixo eléctricos… Unha fermosa historia de metamorfose que os levou a actuar en innumerables festivais e locais tanto dentro como fora de Galicia, ata a súa disolución en outubro de 2020.