Rumboia 207 – Oscar Ibáñez - Aires de Pontevedra - Homenaxe a Ricardo Portela (2017)(11.51)

Programa: 
Rumboia

Oscar Ibañez é un recoñecido Gaiteiro pontevedrés, docente e investigador. Ao longo da súa ampla carreira foi galardoado en numerosas ocasións, tanto en dixitación aberta como en pechada. É Mestre en Educación Musical, Especialista Universitario en Música Tradicional Galega, en Arquivística, e ademáis de posuir o título de Grao Profesional LOE na especialidade de gaita de fol galega, tamén cursou estudos oficiais de frauta de bico.

 

Dos seus numerosos traballos discográficos, hoxe presentámosvos Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela un traballo creado no ano 2017, para homenaxear ao Gaiteiro de Viascón co gallo do 25 aniversario do seu pasamento, no que inclúe unha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada.

O disco Aires de Pontevedra contén unha escolma de 20 temas portelianos presentes nos discos “Irmáns Portela”, “Festa en Viascón”, “Alborada en Cotobade”, “Instrumentos Musicais  Populares Galegos” ou “Galiza a José Afonso” xunto con outras pezas que Oscar Ibáñez rescatou de diferentes gravacións inéditas. Consciente da responsabilidade que supuña o proxecto, Oscar Ibáñez interpretou este repertorio respectando o singular toque pechado de Ricardo Portela, achegándose o máis posible ao seu estilo, técnica interpretativa e ornamentación, polo que para levar a cabo o proxecto elaborou un longo traballo previo de análise e transcrición tanto das melodías como da ornamentación empregada por Ricardo Portela nos temas seleccionados.