Rumboia 212 – Baiuca – Solpor (2018) (10.55)

Programa: 
Sonsdenós

Cun pé na recuperación de ritmos, instrumentación e sonoridade da música tradicional galega e con outro na música electrónica de vangarda pero utilizando estruturas de canción pop, Baiuca soa a revolución e a resignificación dos códigos culturais máis representativos da cultura galega.

' Solpor' é o primeiro álbum do produtor galego: unha colección de cancións que non só conectan a Galicia de antonte coa de pasadomañá, senón que converte ao Atlántico no noso Amazonas, á vez que lanza unha serie de preguntas que só Baiuca sabe contestar: Pode unha caixa de ritmos danzar ao ritmo dunha muiñeira? Poden os ritmos de antonte soar aos de pasadomañá? Como conseguir resignificar as marcas culturais da Galicia pasada e a futura? Como se delimitan as fronteiras entre a música tradicional, a folktrónica, a música de club, a world music, as gravacións de campo e o beat da máquina? Hai espazo para que a música folclórica galega transcenda a territorios máis propios das vangardas musicais? A resposta é un rotundo "SI A TODO".

Se a bruxería é "o conxunto de crenzas e actividades atribuídos a certas persoas chamadas 'bruxas' que están supostamente dotadas de certas habilidades máxicas", si, Baiuca é un bruxo. E é que maxia parece, pero música é: o produtor galego converteuse nun dos alquimistas máis importantes á hora de recuperar músicas e códigos tradicionais e traelos non só a un marco contemporáneo, senón futurible.