Rumboia161 – Brincadeira – Se non fora por quen baila (2011)

Programa: 
Rumboia

O grupo de baile e música tradicional Brincadeira formouse a finais dos anos 70 co obxectivo de conservar e difundir a música e o baile tradicional galego. Os primeiros membros de Brincadeira procedían de Coros y Danzas de la Sección Femenina de Santiago de Compostela que nacera en 1942 e que desapareceu durante a Transición. Deles e delas herdaron instrumentos, traxes e o gusto polo noso baile e a nosa música; pero en Brincadeira déronlle outro enfoque ao feito folclórico: queren conservar e difundir o sentir da cultura tradicional galega que se viña transmitindo de xeración en xeración.

O repertorio de Brincadeira baséase nun traballo de campo realizado ao longo de toda a xeografía galega e no que se busca como informantes ás persoas de máis idade que aprenderon da tradición oral. Teñen publicados dous traballos discográficos nos que  interpretan o seu repertorio tradicional tanto instrumental como cantado.

Nas súas actuacións, Brincadeira trata de reproducir o máis fielmente posible as pezas de baile e música recollidas que amosan a variedade e a riqueza da nosa cultura. Co fin de difundir o traballo realizado, o grupo vén participando dende sempre en festivais nacionais e internacionais, homenaxes, festas, romarías, mostras, exposicións, congresos, e, por suposto, facendo intercambios con xentes doutras culturas. Neste empeño traballan numerosas persoas distribuídas entre o corpo de baile, o grupo de gaiteiros e o grupo de pandeireteiras, así como os directores artísticos de cada unha das seccións.