Rumboia238 Timparrantela - Se te quixen foi polos grelos - 2021

Programa: 
Rumboia

Timparrantela é unha recente formación musical feminina nada en Ourense. Con composicións de Olga Brañas, letras de diferentes poetas galegas e galegos e arranxos musicais de Pedro e Pablo Pascual (Marful), a súa banda está formada por: Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxofón), Olga Brañas (piano e pandeireta), Raquel Huete (tuba e baixo eléctrico) e Marta Figueiredo (percusión).

O seu ámbito estilístico conecta tanto coas músicas do mundo como coa tradición da verbena, reinventándoa e conferíndolle elegancia. No ano 2021 Timparrantela presenta o seu primeiro traballo discográfico, Se te quixen foi polos grelos, da man da Editorial Galaxia.

Un disco que percorre moitos vieiros, bebendo do tradicional e do folk pero tamén das charangas e desa música espontánea que nace cando hai gorxas dispostas a se unir nunha canción.Textos cheos de retranca e de empoderamento, de crítica e de amor, de luz e de sombras. Quen as escoite, vai querelas. Con ou sen grelos polo medio.