Sons de Nós co Festival Internacional do Mundo Celta

Programa: 
Sonsdenós

Os festivais son eses espazos que nos permiten desfrutar da música en directo. Pero tamén de moito máis, porque os festivais nos permiten, ademais, vivir unha experiencia persoal e colectiva, que cada quen o vive ao seu xeito. Hainos de moitos tipos, con moitas propostas, contidos e formatos. Loubados e denostados, solidarios ou simplemente económicos, fugaces ou históricos. Hai festivais e FESTIVAIS con maiúsculas, tan emblemáticos que forman parte da nosa memoria musical. Hoxe imos falarvos dun festival con maiúsculas, un dos máis tradicionais e importantes e, seguramente un dos festivais galegos máis coñecidos dentro e fora de Galicia, O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. 

“Oito nacións, unha cultura”. Con este referente cultural, a música folk tradicional das nacións celtas, naceu en 1978, da man da Escola de Gaitas de Ortigueira, este histórico festival que se celebra cada verán na segunda fin de semana de xullo en Ortigueira.

 

Naquel momento o festival empezou, da man de Xabier Garrote, que era o responsable da Escola de Gaitas, como un exercicio de posta en valor do noso patrimonio musical, de apreciación do noso, a través de achegar o coñecemento do patrimonio musical doutras culturas, de culturas que nos son afíns tanto para o alumnado da Escola de Gaitas, como para calquera persoa que tivese interese na nosa cultura musical tradicional. Un festival que nacía dun xeito máis que artesanal; agora lonxe quedaron aqueles directivos e alumnado da Escola de Gaitas de Ortigueira que montaban o palco, vendían pegatinas, repartían publicidade e servían as comidas dos grupos convidados, pero o espírito segue a estar, música de rúa, obradoiros de instrumentos e baile, a acampada en Morouzos... e a música de raíz, aquí seguen. 

Nesta edición de Sons de Nós, Bruno Bruno Lozano, director da Escola de Gaitas de Ortigueira e membro do Comité Organizador do Festival, compartirá con nós a historia, o presente e o futuro dun festival que naceu hai 46 anos e goza dun envexable estado de saúde. Unha idea visionaria que triunfou e puxo a Ortigueira e á cultura musical galega no universo da música e o converteu nun FESTIVAL con maiúsculas.

Imaxe: Web Festival Internacional Mundo Celta Ortigueira