Sons de Nós con Ataque Escampe

Programa: 
Sonsdenós

Ataque Escampe fórmase a finais do ano 2001 en Compostela arredor da residencia universitaria Monte da Condesa, e só cun pequeno parón, consecuencia das situacións laborais dos seus compoñentes, a banda acada os vinte anos de vida cun proxecto máis que consolidado. 

Ataque Escampe son Miguel Mosqueira: guitarras, voz e coros, Samuel Solleiro: guitarras e coros, Xoán Lois García Carlín: baixo e teclados, Álex Charlón: voz,  Cibrán Tenreiro: batería, percusión e coros e, a recentemente incorporada, Sara Iglesias co saxo e pequenas percusións. 

Miguel Mosquera, Samuel Solleiro e Sara Iglesias comparten esta charla con Sons de Nós na que afondamos nesa súa afirmación de que hai neles un "espírito agridoce" que se reflicte na súa música e que aparece nalgunha das súas pezas, esa “tristeza azul como o Sugus de ananás” ou o que Sara define como “a melancolía de non vivir no presente” de “algo que aínda no pasou e que xa sabemos que vai rematar”.

Ao longo destes anos a banda ten mudado de compoñentes, saídas e reentradas que non parecen ter feito mal ningún ao proxecto musical porque, nestes máis de 20 anos, levan publicados oito álbums de estudo. Oito traballos musicais no seu haber con diferenzas importantes entre todos os discos ten que ver con que teñen vocación artística, a que non teñen medo ás mesturas e que se senten libres de etiquetaxes xa que “seguimos buscando en territorios diferentes e iso reflíctese nos nosos discos”. 

Cando se definen a si mesmos adoitan presentarse como escritores de “textos amargos que manchan as mans con algo que chamaremos optimismo e a estraña melancolía dun crooner extraterrestre” pero non sei se concordo coa definición, seguramente porque ao meu entender son máis poetas que extraterrestres.



Fotografía: Felicia Pop Festival