Sons de Nós con Faia Díaz

Programa: 
Sonsdenós

Hoxe imos compartir o noso tempo de conversa cunha das voces máis fascinantes do panorama musical. Esta afirmación ven do convencemento, pero tamén ven de ser respaldada como tal cun flamante Martín Códax. Hoxe falaremos con Faia Díaz Novo, é a súa segunda visita a Sons de Nós e gozamos dunha ben agradábel conversa na que repasamos un pouco os seus inicios na música e as súas propostas tanto individuais como colectivas. 

Nesta ocasión imos afondar no seu novo traballo musical, un disco que acaba de nacer e xa está a darlle moitas alegrías. A propia Faia gosta de definir Alvela como un disco complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. 

Hai un enorme traballo de recuperación en Alvela, recuperación do traballo feito por mulleres, revisitando temas tradicionais como Escribíache, do repertorio de Erminda Miramontes, ou igualmente con Elena de Toutón. Pescudar nos propios arquivos familiares de Faia, lembrade que os seus pais foron fundadores de Fuxan os Ventos, fornece tamén este disco convertíndoo tamén nun reencontro con pasado.

Alvela está cheo de arrolos, recollidos da tradición e mesturados con outras presenzas que tamén pescudaron na súa importancia, así encontraremos a Federico García Lorca mesturado con dous arrolos tradicionais. Aqueles cantos que nos acompañaban no sono da nosa infancia convértense na voz de Faia nunha experiencia sensitiva, musical e anímica, nun goce,sen dúbidas.

Foto: Faia Díaz