Sons de Nós con Magín Blanco

Programa: 
Sonsdenós

A presenza de Magín Blanco na música infantil é unha historia de éxito. Dende o momento no que iniciou esta andaina músico-teatral a súa proposta e os protagonistas da mesma, a Nena e o Grilo, teñen conquistado ao público infantil, e non tanto, no seu paso polos escenarios.

Magín comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa, proxecto que liderou e co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Do seu traballo musical en solitario, a partir do ano 2006, viron a luz tres discos nos que contou con colaboracións tan destacables como Uxía Senlle ou Gloria Van Aerssen, que fora cantante de Vainica Doble. 

O seu paso á música infantil é a historia dunha carreira musical de éxito dende o primeiro momento ata converterse nun dos referentes na creación de música infantil e, seguramente, un dos que conta con máis presenza no panorama musical galego. 

Pero non desmerece en absoluto a súa produción musical para público adulto, e así o ten reflictido Carlos Rego no seu libro disco, “Magín Blanco, O Camiño da Luz”, un texto no que defende a necesidade de recoñecer a Magín como un músico imprescindible no panorama musical galego. 

En Sons de Nós acreditamos na definición que Carlos Rego fai de Magín Blanco, “...ten unhas cualidades e un don especiais para facer cancións que non só son bonitas, son cancións que son capaces de emocionar e afectar ao ouvinte”, e abofé que si.