Sons de Nós con Os Carunchos

Programa: 
Sonsdenós

Na edición de hoxe de Sons de Nós traémosvos a un grupo que, se fose un documento, xa tería carácter de histórico, porque este ano cumpre trinta anos, trátase de Os Carunchos, un grupo que nace 1994 en Vigo coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas. 

Imprescindible a presenza da gaita como protagonista, pero non menos imprescindible a posta en valor de cantigas e temas populares e a defensa da lingua e a cultura tradicional. Son 30 anos de historia e oito traballos musicais con pezas de creación que son xa, unha parte da historia musical da Galiza.

Gaita solista, acordeón, percusións varias, polifonía nas voces e o acompañamento da

zanfona e instrumentos tradicionais como a requinta, Os Carunchos son Luís E. Correa (Voz, gaita, requinta, zanfona e percusións), Pablo Rial (Voz, acordeón diatónico, gaita e percusións), Isaac Teniente (Voz e percusións), Juan A. Álvarez (Voz, gaita, pínfano e percusións) e, recuperan para este aniversario a Julián Mojín, quen. foi membro da formación inicial, hai máis de 25 anos.

Gaita solista como protagonista, adobiada maxistralmente con percusións, polifonía de voces e a impoñente presenza da zanfona, todo elo engarzado polo compromiso activo co noso idioma e a nosa cultura, mesturando e recuperando coplas do noso imaxinario popular e dando ritmo e música aos traballos dos nosos poetas históricos contemporáneos. 

E no escenario, e non menos importante porque o gozo é vida, festa e diversión a mancheas.