Sons de Nós con As Pías

Programa: 
Sonsdenós

Hai músicas que traen consigo séculos de memoria, de xente traballando, bailando e cantando nunha lingua propia. As Pías, banda ferrolá de folk tradicional galego, fan exactamente iso: rescatar o que case se perdeu e devolverllo ao pobo con vida nova. E isto é tan real que ata o nome do grupo é unha recuperación, porque As Pías non fai referencia ao nome da ponte que une Ferrol e a parte sur da Ría de Ferrol senón ás referencias históricas da existencia de restos arqueolóxicos en forma de pías que teñen dado nome a esa zona costeira de Perlío.

Cinco persoas moi distintas, Bernardo Máiz Bar, Carlos Quirós, Nélida Santiago Sánchez e César Santalla Prieto, e Elisa Sardiña López — un bombeiro e remeiro, un cineasta e hostaleiro, dúas violinistas cantantes e un guitarrista — atopáronse na paixón pola música galega e formaron un grupo que é, en si mesmo, unha declaración de intencións. Porque As Pías non tocan simplemente música tradicional: reivindican instrumentos que a historia esqueceu inxustamente. A guitarra galega, o pito pastoril, a requinta,... instrumentos con séculos de presenza en retablos, esculturas e cantigas galegas que, eles teñen unha explicación, foron quedando nun segundo plano. As Pías poñen o foco aí.

O seu son é a corda e o vento case sen percusión, porque o ritmo xa o dan os propios instrumentos. O seu repertorio componse de temas tradicionais arranxados por eles mesmos e composición propia. En febreiro presentaron o seu novo single Hei de ir á túa seitura, que reúne todo o que son: tradición, identidade e un son contemporáneo que invita tanto a bailar como a escoitar con atención.

Neste episodio de Sons de Nós falamos con As Pías de instrumentos rescatados, de memoria colectiva e de por que a corda galega merece un lugar central na música tradicional. E teñen sido tan xenerosos que nos teñen agasallado un par de primicias, escoitaredes, antes da súa aparición en plataformas e concertos, dúas pezas ben coidadas, “Aires da Terra” e “Mariao”, un luxo que agradecemos de xeito entusiasta.

E a ti que che parece, préstache acompañármonos?