Vilanova

Programa: 
Vilanova

O consumo de ansiolíticos e antidepresivos aumentou un 15% durante a pandemia e xa se baralla o termo “fobia posconfinamento”. “Se hai un ano, cando empezou todo isto, xa tiñamos un problema que non entendíamos, non podemos estrañarnos de que meses despois ese problema vaia empeorando” reflexiona o psicólogo José Barcia. Chama a atención que esta situación se deixe só en mans da atención primaria e exclusivamente na medicación, mesmo con atención telefónica. Bótase en falta a especialización. É chamativo o aumento da porcentaxe de consumo de sustancias entre o persoal sanitario. Algo que, se non se corrixe, vai traer graves problemas no futuro.

“Non todas as persoas levan igual a situación de limitacións provocada pola pandemia. Isto lévanos a unha fatiga porque os recursos das persoas para seguir resistindo vanse esgotando, en palabras do experto. Hai persoas que xa se renderon desde o principio, porque cada un vive a súa propia crise, mediatizada por moitos condicionantes. Non debemos confundir a “tristura” , que se apodera de nós, con outros trastornos psicolóxicos. “A tristura é unha emoción humana que non ten porque encarnar unha patoloxía”. Agora ben, se perdura no tempo e chega a limitarnos, pode converterse en algo problemático. Isto ocorre cando o motivo da tristura se vai difuminando e xa non sabemos porqué estamos tristes.

Qué podemos facer?

A introspección é o primeiro paso, estudarnos a nós mesmos, a prender de nós. O segundo é a revisión dos nosos hábitos, en relación co ocio, o exercicio físico, o que comemos, as relacións cos demais... En terceiro lugar está pedir axuda se fose preciso.