Sons de Nós co Dúo BellónMaceiras

Programa: 
Sonsdenós

A música é un elemento imprescindible para conformar a identidade cultural dos pobos, un xeito de transmitir a historia, os costumes e a esencia do seu espírito. E se isto é así cando falamos da música en xeral, o é tanto máis cando falamos de música tradicional, porque esta contribúe a conformar o que somos como colectivo con identidade de seu. Patrimonio inmaterial de todos e cada un de nós, aínda que non toquemos ningún instrumento, e non cantemos nin na ducha, a música forma parte das nosas vidas ineludiblemente.

Os protagonistas desta edición de Sons de Nós son dous representantes da mellor música tradicional que está a facerse en Galicia, dous músicos de raíz, dous mestres tanto nos instrumentos que dominan como na súa actitude vital de compromiso coa música galega. E é que, dende o ano 2005, a unión musical entre o gaiteiro Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras mantén en marcha proxectos musicais de moi distinta clase. Enriba dos escenarios forman o Dúo BellónMaceiras e, na vida real, son os cerebros e os corazóns que moven a Escola de Música que leva os seus nomes. 

As súas propostas sobre escenario como dúo BellónMaceiras ou co formato de Quinteto Bellón Maceiras con outros músicos teñen contado cunha máis que favorable resposta do público e, traspasado fronteiras desmontando a mensaxe falaz de que a música tradicional galega só ten mercado e ouvintes en Galicia, porque xa dende moi pronto o seu proxecto ten proxección noutros escenarios polo mundo, Nueva York, Ginebra, Varsovia, París, Lorient......

As redes sociais e plataformas musicais permítenlles seguir a ter presenza no espazo musical galego, e nos escenarios coidan ao milímetro as súas actuacións cunha proposta musical que é toda unha experiencia, tamén, didáctica e de aprendizaxe. 

BellónMaceiras teñen un concerto de pequeno formato ao que lle chaman “degustación musical”, supoño que son conscientes de que escoitalos é, nin máis nin menos, unha experiencia “Gourmet”. 

Calidade e calidez, coidado e aloumiños nas súas pezas de creación propia e nas adaptacións de pezas tradicionais e respecto absoluto á tradición, esta podería ser a esencia do traballo de BellónMaceiras en tódalas súas versións, como virtuosos dos seus instrumentos e como mestres na súa escola. 

Non perdades a oportunidade de velos en directo e seguilos nas súas próximas propostas.