Faleceu Paloma Rodríguez, mestra de infantil durante varios anos no colexio Centieiras de Perlío (Fene), antes e despois de ser deputada do PSOE no Congreso dos Deputados en Madrid. Para moitas mulleres un referente do feminismo en Ferrol e na comarca, sempre presente en iniciativas e mobilizacións pola igualdade e contra a violencia de xénero. A última vez que falei con ela foi na concentración celebrada diante do Xulgado ferrolán contra a Manada, violadores en grupo dunha rapaza nas festas do San Fermín. Antes e en varias ocasións estivo en Radio Fene falando dos seus alumnos e alumnas aos que educaba no valor da igualdade. Vénseme á cabeza cando levou a cabo no colexio Centieiras unha iniciativa para recuperar a memoria das mulleres de Fene que pasaron desapercibidas e que rescatou do esquecemento buscando a colaboración, entre outras, de Radio Fene. Ou cando organizou unhas lecturas de contos, no mesmo centro escolar, nas que a igualdade reinase ás súas anchas. Despois publicou varios libros para a infancia; “A urna dos desexos”, “O segredo de Flora”, “O país dos mandóns” ou “Teño dúas casas”. Era unha boa mestra e moi querida en Fene.