Á rica faba

Á rica faba
29 de Setembro, 2023 - 08:37 h. | Publicada por Radio Fene

Patrimonio gastronómico e riqueza cultural esta fin de semana no concello de Lourenzá. Homenaxe á faba nunha feira na que terá presenza Moeche. Participará cun posto na XXXI Festa da Faba de Lourenzá, atendendo un convite que lle fixo o concello organizador. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, avanzou en Radio Fene detalles sobre a Festa da Faba que se celebra de venres a domingo.

ESCOITA O PODCAST:

Representando a Moeche acudirán a alcaldesa Beatriz Bascoy e a concelleira e deputada provincial Cristina García a unha feira declarada de interese turístico galego. En Lourenzá haberá estes días degustacións, actuacións musicais, concentración de vehículos clásicos e un tren turístico, pero, sobre todo, comercio coas súas famosas fabas, que están amparadas pola Indicación Xeográfica Protexida e son motor da economía local. Sete produtores terán postos na praza do Conde Santo. E o domingo, ás oito e media da mañá, será a apertura da venda ao por maior. Este ano os prezos subiron porque a produción foi menor debido á seca. Festa da Faba. Boa ocasión para visitar Lourenzá e coñecer, de paso, o seu monumental mosteiro de San Salvador, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1974. A súa fachada considérase o antecedente da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago de Compostela.

Sociedade

Publica o teu comentario agora